El asesoramiento en manos de expertos

tiempo de hoy

Miércoles 30 de Marzo de 2011

SUBVENCION: PROMOCION DO EMPREGO AUTONOMO (ORDEN 17-03-2011 CONSELLERIA DE TRABALLO)

A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que, pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia, así como apoiar a consolidación dos seus proxectos empresariais fomentando a creación de emprego mediante a contratación indefinida da súa primeira persoa traballadora desempregada.

Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e as condicións establecidos nela, se formalicen desde o 1 de xullo de 2010 ata o 30 de setembro de 2011, ambos inclusive.
1. TIPOS DE APOIO
- Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia
- Subvención financeira
- Subvención para asistencia técnica
- Subvención para formación
- Axuda excepcional
- Subvención pola primeira contratación indefinida.
4. BENEFICIARIOS POTENCIAIS
1. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas físicas que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
a) Persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos/as ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que:
-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
-Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
-Non percibisen subvencións ao abeiro do Programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
-Non desenvolvesen como traballadores ou traballadoras autónomos/as a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores ou traballadoras autónomos/as en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia ao nivel de 3 díxitos da Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE).
b) Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias da subvención pola primeira contratación indefinida os traballadores ou traballadoras autónomos/as ou profesionais xa constituídos que realicen esta contratación durante o seu primeiro ano de actividade e para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarios/as das axudas deste programa, agás a subvención pola primeira contratación indefinida, cando formen parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal.

Quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

3. Para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da solicitude de alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.
2- SECTORES INCENTIVABLES
Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura.

b) Produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) Actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e ao funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

d) Carbón.
3. REQUISITOS PRINCIPAIS DO PROXECTO
Definicións para os efectos desta orde:

* Persoa desempregada, aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data da súa solicitude de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

* Persoa con discapacidade, aquela que teña recoñecido pola Administración competente un grado de discapacidade igual ou superior ao 33%.

* Persoas desempregadas de longa duración, aquelas que na data da súa solicitude de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional estivesen sen traballo e teñan acreditado un período de inscrición ininterrompido como desempregadas na oficina de emprego de 180 días, se fosen menores de 25 anos ou de 45 ou máis anos de idade, e de 360 días se fosen maiores de 25 e menores de 45.

* Emigrantes retornados/as, aqueles/as emigrantes que cumpran coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data da súa solicitude de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

* Traballadores e traballadoras desempregados/as procedentes de empresas en crise, aqueles traballadores e traballadoras cuxa relación laboral se extinga por algunha das causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, ben a través do procedemento de regulación de emprego establecido nos artigos 51 e 57 bis do Estatuto dos traballadores, ou ben cando a extinción do contrato de traballo sexa polas causas obxectivas recollidas no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores.

* Persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, aquela persoa solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos/as menores de 26 anos ou persoas maiores incapacitadas, ou menores acollidos, que non obteñan ingresos de ningunha natureza superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional vixente no momento da solicitude.

* Persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego, as que extinguisen por esgotamento a prestación por desemprego de nivel contributivo e/ou o subsidio de desemprego e non desempeñasen ningún traballo, nin por conta allea nin propia, desde a data do esgotamento.

* Inmobilizado material ou intanxible, aquel definido como tal no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan Xeral de Contabilidade.
4. CONTÍA DAS AXUDAS
• Subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia.

1. Poderáselles conceder ás persoas desempregadas, sempre que se acredite un investimento en inmobilizado material ou intanxible necesario para o desenvolvemento da actividade por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, e se realice no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores ao dito inicio.

No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.

2. As contías desta subvención serán as seguintes:

A. 5.000 euros para desempregados en xeral.
B. 6.000 euros para mozos/as desempregados/as de 30 ou menos anos.
C. 7.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 7.500 euros para emigrantes retornados/as, traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
E. 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
F. 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.

3. O prazo de presentación de solicitudes de subvención polo establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia será dun mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral


• Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar a creación do seu propio posto de traballo mediante a redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo se deberá destinar a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible. Este investimento deberase realizar no período comprendido entre os tres meses anteriores ao inicio de actividade e os seis meses posteriores a dito inicio. En todo caso, a persoa beneficiaria debe acreditar un investimento en inmobilizado material ou intanxible por unha contía non inferior a 3.000 euros sen incluír o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios. No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non se poderá conceder esta subvención para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Os préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Traballo e Benestar, e deberanse formalizar entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2011 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

No caso de comunidades de bens e sociedades civís, para a acreditación do requisito do investimento mínimo de 3.000 euros realizado por cada persoa comuneira ou socia solicitante da subvención terase en conta a súa porcentaxe de participación na comunidade de bens ou sociedade civil.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, calculada sobre os oito primeiros anos de vixencia destes. A contía calcularase como se a subvención se xerase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O tipo de xuro poderá ser fixo ou variable, tomándose como referencia para o cálculo da subvención o tipo de xuro vixente na data da resolución da subvención, ou o vixente na data da sinatura do contrato do préstamo se esta é anterior.

O beneficiario/a, no prazo de trinta (30) días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

No caso de microcréditos concedidos polo Instituto de Crédito Oficial ou por outras entidades de crédito a persoas desempregadas incluídas nas letras D, E e F do punto 2 deste artigo, a subvención poderá ser o custo total dos gastos financeiros, cos límites máximos sinalados no número seguinte.

2. A subvención financeira terá como límite máximo as contías seguintes:

A. 5.000 euros para desempregados en xeral .
B. 6.000 euros para mozos/as desempregados/as de 30 ou menos anos.
C. 7.000 euros para mulleres desempregadas.
D. 7.500 euros para emigrantes retornados/as, traballadores ou traballadoras procedentes de empresas en crise, persoas desempregadas de longa duración e persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
E. 8.000 euros para desempregados con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
F. 10.000 euros para mulleres desempregadas con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco ou situación de exclusión social.

3. A solicitude da subvención financeira deberase presentar no mes seguinte á data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 11º.2 desta orde, aínda que non transcorrese o mes anteriormente citado.

• Subvención para asistencia técnica.

1. Financiamento parcial da contratación durante a posta en marcha da empresa dos servizos externos necesarios para mellorar o desenvolvemento da actividade empresarial, así como para a realización de estudos de viabilidade, organización, comercialización, diagnose ou outros de natureza análoga.

Deberase acreditar na solicitude a necesidade desta asistencia. Non se considerarán necesarios os servizos externos que consistan no asesoramento e tramitación das axudas nin os servizos periódicos e recorrentes na xestión empresarial.

2. Os servizos de asistencia técnica deberán ser prestados:

-Polas asociacións de traballadores e traballadoras aútonomas con carácter intersectorial e con suficiente implantación no ámbito territorial de Galicia.

-Por outras persoas xurídicas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional.

3. A contía desta subvención será do 75% do custo dos servizos prestados, ata un máximo de 1.000 euros.

4. Esta subvención concederase por unha única vez, aínda que serán subvencionables todos os servizos de asistencia técnica que recibise e contrate a persoa beneficiaria e se iniciasen e desenvolvesen integramente nos tres meses anteriores e nos seis meses seguintes ao inicio da actividade.

5. A subvención para asistencia técnica deberase presentar no mes seguinte á data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral.

• Subvención para formación.

1. Financiamento parcial de cursos relacionados coa dirección e xestión empresarial e novas tecnoloxías da información e comunicación, co fin de cubrir as necesidades de formación do traballador ou traballadora autónoma durante a posta en marcha da empresa.

2. Esta formación deberá ser prestada:

- Polas asociacións de traballadores e traballadoras aútonomas con carácter intersectorial e con suficiente implantación no ámbito territorial de Galicia.

- Por outras persoas xurídicas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional.

3. A contía desta subvención será do 75% do custo dos cursos recibidos, ata un máximo de 3.000 euros.

4. A subvención para formación concederase por unha única vez, ben que serán subvencionables todas as accións de formación que recibise a persoa beneficiaria e se desenvolvesen integramente nos tres meses anteriores e nos seis meses seguintes ao inicio da actividade.

5. A subvención para formación deberase presentar no mes seguinte á data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral.


• Axuda excepcional.

1. Axuda para o financiamento dos primeiros gastos da actividade ás persoas desempregadas dos colectivos relacionados nos seguintes puntos deste artigo.

Serán subvencionables os gastos pola compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos, gastos de constitución, publicidade, arrendamento de local, de maquinaria e de equipamentos informáticos e seguros do local, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, se for o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, realizados nos tres meses anteriores e nos seis meses seguintes ao inicio da actividade.

Non serán subvencionables os gastos referidos aos domicilios particulares da persoa solicitante ou dalgunha das persoas comuneiras ou socias da comunidade de bens ou sociedade civil, e os gastos correspondentes a compravendas entre as persoas comuneiras ou socias.

2. A contía máxima desta subvención será de 2.000 euros para os seguintes colectivos:

A. Mozos/as desempregados/as de 30 ou menos anos.
B. Mulleres desempregadas.
C. Persoas desempregadas de 45 ou máis anos de idade.
D. Persoas traballadoras demandantes do primeiro emprego.
E. Persoas desempregadas que rematen o seu itinerario personalizado de inserción nunha ocupación directamente relacionada no seu contido coa actividade empresarial.
F. Persoas traballadoras autónomas e profesionais cando a actividade empresarial ou profesional teña o seu domicilio fiscal nun concello rural.

3. Os traballadores ou traballadoras autónomos/as e profesionais incluídos/as no punto anterior, agás na letra F, cuxa actividade empresarial ou profesional teña o seu domicilio fiscal nun concello rural, terán un incremento na contía máxima desta subvención de ata 1.000 euros.

4. A contía máxima desta subvención será de 3.600 euros para os seguintes colectivos:

A. Persoas desempregadas de longa duración e/ou persoas desempregadas que esgotasen a prestación por desemprego.
B. Persoas desempregadas pertencentes a algún colectivo en risco ou situación de exclusión social.
C. Persoas con discapacidade.

O prazo de presentación de solicitudes da axuda excepcional será dun mes desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral.

• Subvención pola primeira contratación indefinida.

1. Subvención pola primeira contratación que realicen con carácter indefinido, sempre que realicen esta contratación indefinida durante o primeiro ano de actividade, desde a data de inicio que conste na declaración de alta no censo de obrigados tributarios, para prestar servizos en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Poderá ser obxecto desta subvención a contratación indefinida inicial que se realice cunha persoa traballadora desempregada e inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación, ou a transformación dun contrato temporal en indefinido. A contratación ou transformación deberá ter data de inicio comprendida entre o 1 de xullo de 2010 e o 30 de setembro de 2011, ambas as datas incluídas.

Sempre que se reúnan os requisitos e demais condicións exixidos neste orde e poidan ter a consideración de persoas asalariadas, esta subvención tamén poderá ser de aplicación cando se contrate como traballador/a por conta allea a un familiar.

A contratación indefinida poderá ser a tempo completo ou a tempo parcial, incluída a modalidade de fixo descontinuo. Cando se trate de contratación a tempo parcial, a contía da subvención será proporcional ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

Exclúense desta subvención:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais e disposicións complementarias.

b) Traballadores e traballadoras que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

3. A contía desta subvención será a seguinte:

A. 4.000 euros pola contratación indefinida dunha persoa desempregada en xeral.
B. 5.000 euros pola contratación indefinida dun mozo desempregado de 30 ou menos anos.
C. 5.000 euros pola contratación indefinida dunha muller desempregada.
D. 5.600 euros pola contratación indefinida dunha moza desempregada de 30 ou menos anos.
E. 6.000 euros pola contratación dunha persoa desempregada que esgotase a prestación por desemprego, unha persoa desempregada de longa duración, unha persoa desempregada emigrante retornada, unha persoa desempregada con discapacidade ou pertencente a colectivos en risco ou situación de exclusión social.
F. 2.000 euros pola transformación dun contrato temporal en indefinido. Esta contía será de 2.500 euros se o traballador é un mozo de 30 ou menos anos de idade e de 3.000 euros se é unha muller.

En ningún caso a contía desta subvención poderá superar a contía equivalente ao 60% dos custos salariais totais de dúas anualidades da persoa traballadora contratada.

4. Entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude cando o traballador ou a traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante con data anterior á da resolución da concesión da axuda.

5. O prazo de presentación de solicitudes da subvención pola primeira contratación indefinida será dun mes desde a data de alta en que se inicie a relación laboral ou se produza a transformación do contrato temporal en indefinido, respectando, en todo caso, o prazo xeral.
5. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES
O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo finalizará o 30 de setembro de 2011, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda.

As actuacións subvencionables ao abeiro do programa para a promoción do emprego autónomo regulado nesta orde, realizadas entre o 1 de xullo do ano 2010 e a data da súa publicación, poderán acollerse ás axudas desta, aínda que transcorrese o prazo establecido desde a solicitude de alta na Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional. O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 29 de abril de 2011.

 
Asesoría Compostela

© 2019 Asesoría Compostela, S.L. - Todos los derechos reservados

Inicio| Archivo| RSS| Contacto| Nota Legal