El asesoramiento en manos de expertos

tiempo de hoy

Jueves 14 de Abril de 2016

AXUDAS A PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES NON AGRICOLAS

 

FIN DO PRAZO DE SOLICITUDE: 06/05/2016

 

PROXECTOS DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES NON AGRÍCOLAS

Finalidade

A creación e desenvolvemento de actividades económicas viables non agrícolas, ben ampliando o abano de actividades desenvolvidas no marco das explotacións agrarias, incentivando a súa diversificación, ou ben mediante a creación, ampliación e modernización de unidades de produción no medio rural, co fin de contribuír á xeración de novos empregos e á dinamización económica dos territorios rurais.

Tipos de apoio

As axudas consistirán en subvencións directas de capital. Concesión en réxime de concorrencia competitiva.

Beneficiarios

1. As pequenas empresas. Aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben o seu centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.



2. Persoas físicas que residan nunha zona rural.



3. Titulares ou membros dunha unidade familiar dunha explotación agraria que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

Requisitos principais do proxecto

1.     Con carácter xeral, serán subvencionables os proxectos destinados á creación, ampliación e/ou modernización de pequenas empresas que desenvolven actividades non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:



a) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais.

Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

b) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, cando o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE). Non obstante o anterior, excluiranse aqueles proxectos cun orzamento subvencionable superior a 30.000 €.

c) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e das empresas de servizos enerxéticos.

d) Prestación de servizos sociais (gardarías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas-escola...).



e) Actividades de lecer, recreativas e deportivas.



f) Artesanía e actividades artesanais.



g) Actividades baseadas nas novas TIC, innovación tecnolóxica e comercio electrónico.



h) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.



i) Comercio polo miúdo de produtos non incluídos no anexo I do TFUE.



j) No sector da restauración turística:

 

– Creación de novos restaurantes situados en construcións patrimoniais senlleiras (pazos, muíños, patrimonio industrial, pallozas, faros…) e que vaian ofertar unha cociña baseada na gastronomía galega tradicional ou que con ese substrato propoñan técnicas innovadoras ou fusións con outras gastronomías do mundo.



– Investimentos destinados a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas dos establecementos de restauración xa existentes.

Exclúense as actuacións en bares e cafetarías.



k) Actividade turística de aloxamento: nos establecementos de aloxamento turístico poderán subvencionarse investimentos destinados ao aumento de categoría do establecemento e outras actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas

 

2. Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os requisitos seguintes:



a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción, ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

O persoal técnico da Agader comprobará este requisito mediante a realización dunha acta de non inicio durante a fase de revisión da solicitude da axuda. Se o solicitante desexa iniciar a execución do proxecto antes da realización da citada comprobación, deberá achegar unha acta notarial que reflicta fidedignamente o non inicio da obra, instalación ou equipamento.

Se o investimento consiste exclusivamente na compra de maquinaria e/ou equipamento, non será necesario acreditar que o proxecto non está iniciado nos termos expostos.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia, exceptuando as zonas incluídas nos perímetros urbanos definidos como tales no planeamento urbanístico vixente das cidades de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os cales se lles concedeu a axuda.

 

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.



e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

f) Que se axusten ás especificacións indicadas nas presentes bases.



g) No suposto de proxectos de ampliación e/ou modernización dunha actividade económica xa existente, o investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante.

h) Nos proxectos de creación dunha pequena empresa, será requisito necesario acreditar a xeración de emprego equivalente, cando menos, a unha unidade de traballo anual (UTA). Para estes efectos, unha UTA equivale ao traballo dunha persoa na empresa en cuestión ou por conta da dita empresa a tempo completo durante todo o ano de que se trate. O traballo das persoas que non traballan todo o ano, ou traballan a tempo parcial, independentemente da duración do seu traballo, ou o traballo estacional, computarase como fraccións de UTA.



Para estes efectos, enténdese por xeración de emprego a creación de novos postos de traballo fixos, eventuais, a tempo parcial ou a tempo completo, independentemente do réxime laboral que os regule.



No caso de empresas con actividade preexistente, deberán, polo menos, manter o emprego existente na dita empresa (computado en UTAS) no momento da solicitude da axuda.

i) Que o orzamento elixible estea comprendido entre 10.000 e 300.000 euros

 

Investimentos ou gastos computables

1.     Con carácter xeral, serán subvencionables:



a) A construción, adquisición e mellora de inmobles, que só poderán ser utilizados en relación cos obxectivos do proxecto. No caso de adquisición de inmobles, o importe subvencionable non superará o 50 % dos gastos subvencionables.



b) A adquisición de terreos ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.



c) Os custos xerais vinculados aos gastos anteriores en concepto de honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade, ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.

 

d) Compra de maquinaria e equipamentos novos.



e) Adquisición e desenvolvemento de programas informáticos precisos para a execución e bo fin da operación.



f) Adquisición de patentes e licenzas relacionadas co proceso produtivo (con exclusión das licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática), ata o límite do 10 % do total dos gastos subvencionables.



g) Gastos de constitución (notariais, rexistrais e administrativos) derivados do comezo da actividade prevista no proxecto.

Contía das axudas

A axuda será do 45 % dos gastos subvencionables.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Incompatibilidades

1.     As subvencións reguladas nestas bases están financiadas con fondos Feader e, por tanto, serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo proxecto ou finalidade leve cofinanciamento comunitario, independentemente do fondo de procedencia e da súa tipoloxía (subvención directa, bonificación de xuros...).


2. Coa excepción anterior, as subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, tanto de orixe pública como privada, sempre que a intensidade máxima das axudas con fondos públicos non exceda o 100% do importe elixible do proxecto.



3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

 

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e a acumulación das axudas, o beneficiario deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, con específica referencia ás axudas amparadas no réxime de minimis, nos termos previstos no anexo II (solicitude da axuda ) e anexo VII (solicitude de pagamento).

 

Observacións

O prazo límite para executar e xustificar os investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 15 de outubro de 2016. 

Asesoría Compostela

© 2019 Asesoría Compostela, S.L. - Todos los derechos reservados

Inicio| Archivo| RSS| Contacto| Nota Legal